Contos do País do Solpor



O meu perfil
anoiteamericana@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Dende o Quinto Pino (IV)





Acabamos de amarrar nunha das dúas enormes mariñas de Horta, e mentres Mr. Magoo vai cos papeis do barco á oficina do Náutico a rexistrarmonos, o resto aproveitamos o tempo para facer unha primeira carga de auga doce, arranchar a maniobra e separar ben a roupa sucia para levala máis tarde á lavandería.
A miña primeira impresión da cidade non difire moito de calqueira vila mariñeira dalgunha das Canarias.
Poucas casiñas salpicadas pola ladeira dun volcán apagado, vellos edificios abandonados evidencia dun rico pasado colonial non moi lonxano; e un grande porto comercial que é continuidade ás dúas mariñas cheas a rebosar de persoal que cruza cara un ou outro lado o Atlántico. Unha romería,vamos.
E aló o fondo na parede do dique un enorme “graffiti” que desde aquí non son quen de alviscar con claridade.
A cita co meu relevo, unha vez cumplidas as formalidades coa GNR, era, claro é , no Café de Peter. Alí o que primeiro chegara debía deixar recado e o xeito de contactar.
E, a primeira na fronte. Mentres avanzábamos polo paseo que da ós pantaláns preguntamoslle a un aborixen de historiado mostacho polo Café de marras, e, cun sorriso retranqueiro, nos informa de que o Café de Peter non existe. Na realidade chámase Café Sport (e polas indicacións que nos dou xa pasaramos por él facía un anaco no noso animado paseo de exploración).
Voltamos atrás e ó entrar nel xa percibimos o ambente mariñeiro de anos e anos.As paredes cheas de fotos de vellos baleeiros da illa e modernos “iatistas” da talla de Tamberlay con foto adicada. Ó fondo había un panel que facía as veces de tablón de anuncios e alí había xa un aviso para o “Rohna” co nome do tipo Mark Reedhood e un tfno. de contacto.
Xa desde alí, mentres tomabamos un refrixerio, chamamos a Mr. Reedhood e ás sete (hora local) achegaríase ó barco para coñecermonos.
Eu, mentres non puiden por menos que indagar de onde carallo viña o de Café de Peter, e esta érache a historia do Peter:
Cando se empezaron a tirar cables submariños para a comunicación telefónica Europa-América, as empresas (na súa maioría alemáns e inglesas) que se encargaban da tarefa fixeron base tamén aquí en Horta. Os barcos cableiros abastecíanse aquí de material que almacenaban edificios que á súa vez albergaban instalacións repetidoras ,e que hoxendía co avance das comunicacións por satélite, ficaron abandonados a finais do século pasado.
Andando os anos 60 o fillo dun oficial dun dos cableiros alemáns que tiña base en Horta , e que atendía ó nome de Peter tiña un enorme parecido co fillo do dono do Sport. E (alomenos así mo contaron) a xente empezou a chamarlle ó Café Sport o Café de Peter... e así chegou ata hoxe.
Non sei que terá de certo o conto que che me contou o parroquiano, pero o que sí che podo dicir é que moitas das empresas de charter , de efectos navais e de aluguer de barcos para avistamento de baleas que podes atopar por toda Horta teñen nomes de inequívoco orixe ario ou saxón.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-06-2009 19:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal