Contos do País do Solpor



O meu perfil
anoiteamericana@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A Ruta do Sal
Aló polo século XIX un grupo de mariñeiros e armadores de cargueiros a vela partían de Denia e de Barcelona rumbo á Illa de Ibiza para voltar ás súas bases con sal das súas salinas.
Pouco a pouco a viaxe de ida desta primixenia Ruta do Sal foise convertindo nunha competición na que se xogaban, ademáis de prestixio,moitos cartos en apostas para os gañadores.
Hai vinte anos a Asociación de Navegantes de Altura do Mediterráneo puxo en marcha unha competición baseada en lembrar esa Ruta. Así naceu unha das regatas de altura máis importantes deste mar : A Ruta do Sal.
Este ano , que celebran o vinte aniversario, o Hansa tivo a honra de ser invitado a participar na proba..., e aló fumos.
O transporte do barco dende A Coruña foi un entrenamento para o que viría despois.
A primeira etapa dende o noso porto base ata Sagres (no Algarve) foi unha especie de vacacións na mar. Ventos do N. e NE. nos levaron ata a enfilación de Cabo San Vicente rápidos e cómodos con rumbos portantes.
A segunda etapa ,que nos levou de Sagres ata Almería , xa non foi tan placenteira. Así como nos íamos acercando ó Estreito empezamos a sufrir as consecuencias dun temporal que cada vez arreciaba máis , chegando a soportar ventos de 60 nós na enfilación de Tarifa. Non che vou a aburrir co relato do medo que pasamos cando ,con só un tormentín izado en proa e toda a maior recollida acadabamos velocidades de 19 e 20 nós surfeando as ondas baixas do Mediterráneo.
O que máis, e o que menos íamos ben cagadiños ; mais , esta vez, ó contrario do pasado en Touriñán, non houbo que lamentar feridos nen averías no Hansa.
Esta segunda etapa, que preveíamos acabar en Almería tivo que alongarse ata o porto de saída, en Denia. Era demasiado perigoso tentar acercarnos á costa cas dificultades de maniobra que podíamos ter; e o patrón , con bon criterio, decidíu que íamos seguir capeando ata chegar a Denia.
A decisión foi axeitada ,xa que ás poucas horas cesou o vento como empezara, de súpeto. Polo que dicían os que xa experimentaran o Mediterráneo, parece ser que esto é habitual neste mar. Con pouca onda ,mais moi traicioneiro.
O atraque no peirao deportivo de Denia xa foi tranquiliño. O vento amainou a medida que deixabamos atrás o Estreito ,e ó chegarmos a terra ninguén diría que acabamos de pasar unha boa.
Aínda tiñamos dous días para revisar todo o barco e repoñernos un pouco da travesía.
A recuperación foi feita visitando diversas arrocerías da zona , e recuperando horas de sono. O barco resistira ben e non houbo moita cousa que arranxar.
O día era chegado. Toda a tripulación abordo e listos para manifestarnos na liña de saída. Nunca tal cousa vin. Na saída de Denia eramos alomenos uns douscentos barcos (nos tíñamos o 207) e outro tanto na saída dende Barcelona. Ás catro da tarde déuse sinal de atención e en cinco minutos darían xa a saída da proba. Nos aproveitamos o último minuto para correr a liña (maniobra consistente en correr en paralelo á liña de saída para virar cando den o bocinazo ) amurados a estribor.
Cando o barco do xurado pitou estabamos inmellorablemente colocados, xunto con dous monstruos que por razóns obvias debían darnos sopas con onda: Eran dous “Farr 52” totalmente pelados por dentro. Só casco e velas,nada máis de peso.Lixeiros con pouco vento;pero moi complicados de governar con máis de 20 nós.
Se as prediccións de Maxi (patrón do “Carozo” e meteorólogo do Desafío Español da Copa América) eran acertadas teríamos que aproveitar o forte vento (ó redor de 30 nós) que soplaría do NE e nos beneficiaba a nos dado o maior peso do Hansa.
O noso patrón, e o táctico decidiron apostar todo á carta de Maxi. Tomamos o bordo Norte e procuramos aproveitar estes 30/35 nós que nos beneficiaban e nos permitían ceñir e obter unha boa media de entre 12 e 15 nós mentres íamos vendo como os dous Farr optaban polo bordo Sur con algo menos de vento, mais ainda así obligoulles a tomar dous rizos na maior para seres quen de gobernar o barco.
Nos, mentres, íamos con todo o trapo arriba enfilando en rumbo case directo a Illa de Tagomago, que á sazón, sería a nosa primeira boia a virar antes de entrar en Ibiza. Pero eso, sería aló pola madrugada ou quizás antes se o vento se mantiña.
Agora,deixame que che conte a imaxe da saída. Dado que estabamos no grupo de cabeza nunha saída limpa poidemos ter a ledicia de contemplar á nosa popa o magnífico espectáculo de todas as velas que cubrían a costa de Denia.Non había curruncho de terra á vista. Todo era o colorido das velas e os barcos manobrando para mellorar a posición. Oe, xa só por eso pagou a pena vir ata aquí.
A previsión de Maxi avisaba dunha caída de vento á madrugada do día seguinte , polo tanto convíñanos aproveitar todo o que poideramos esta racha forte. O patrón decidíu suspender as gardas e todos/as nos mantivemos en cuberta atentos ó vento e prestos para facer calqueira reglaxe que fose necesario nas velas.
O barco ía de película. A maior arriba portando en toda a extensión e na proa o xénova 1, o máis grande que tíñamos. É certo que ás veces, cando cargaba a racha, obligaba a correxir rumbo ca maior , pero así obtiñamos máis potencia.
Según íamos devorando millas cara ó destino veíamos como a previsión de Maxi era certeira. O vento ía caendo paulatinamente , e a eso das catro da madrugada a cousa oscilaba entre quince e vinte nós. No radar non deixábamos de ver as marcacións dos dous rivais máis perigosos na noso categoría, os dous Farr. Ainda que os tiñamos deixado ben atrás, agora escomenzaban a recuperar posicións a demasiada velocidade...
Carlota e Pablo aproveitaron un impass de tranquilidade para baixar a polo termo de café e unhas galletiñas. O cansancio era xa moito e ainda quedaban millas abondo.Todos/as agradecimos algo sólido que levar ó estómago.
Cando xa alvoreaba o día e o vento caía de xeito inexorable ata cinco nós, avistamos pola proa a silueta de terra. O noso navegante informounos de que xa estabamos a poucas millas de Tagomago. O seu faro ainda alumeaba no luscofusco e marcaba o punto no que debíamos rodear a illa.
Mentres polo noso barlovento veíamos impotentes como os dous Farr que ata fai ben pouco eran a penas só dous puntiños na pantalla do radar, agora eran visibeis e avanzaban a ben máis velocidade que nos, gracias á súa lixeireza.
Colocamos todo o peso da tripulación a sotavento para favorecer o embolsamento das velas e ,mais que avanzar, íamonos arrastrando cara a Tagomago.
Entre o cansancio e a deseperación non deixábamos de mirar cara a barlovento para ver como os nosos contrincantes ían acercándose cada vez máis. O patrón procuraba concentrarse na captura de calqueira mixica de vento e pensaba o que todos: “Ogallá Maxi se equivoque!”.
Xa estabamos na enfilación do faro de Tagomago e víamos como os dous Farr nos pasaban sen aparente esforzo, mentres que nos seguíamos arrastrándonos a dous nós.
Costeando Tagomago cara o Norte para virar logo en demanda do espigón de Ibiza, o sol comenzaba a raiar no horizonte. Aínda tíñamos unha probe esperanza.
Sempre cando se pon o sol ou cando sae hai un cambio de vento. Así foi.
Cando viramos , o vento subíu lixeiramente e dispuxemonos a izar o spi. Estabamos medio dormidos na banda; pero bastou a orde “Spí arriba!” para que todo o mundo se puxera en funcinonamento nos seus postos e en poucos segundos estabamos xa con todo disposto e navegando a dez nós cara o SW, en demanda do espigón do porto de Ibiza.
Estabamos xa co espigón á vista cando nos decatamos de que ainda tíñamos posibilidades de acadar ós dous Farr.Pouco a pouco íamos gañando terreo merced á nosa maior superficie vélica, que nos permitía palíar o noso peso. A penas quedaba unha milla para rematar ;e a distancia no grupo de cabeza no que estabamos nos era cada vez menor.
Oíamos claramente as ordes dos outros patróns e pensabamos nalgún fallo nos Farr , que nos permitira arañar algo de tempo.
Nada. Non tiñamos espacio material. Escoitamos o bocinazo do xurado ó cruzar a liña de meta do primeiro e caseque consecutivamente os do segundo.
Vinteseis segundos máis tarde sonou a bocina para nos. Entre maldicións e malas caras arriamos spi e dispuxemos todo para o atraque. Non podíamos evitar un sentimento de frustración despois de dazasete horas de regata , para un terceiro posto ; ainda que só fora por vinteseis segundos.
Só o patrón puxo a nota alegre, pasando un por un para felicitarnos e darnos as gracias polo traballo ben feito.
Fran, o fillo de Pancho, que nesta viña connosco, baixou a coller a súa gaita, e dende a proa do Hansa escomezou a tocar a “ Alborada” de Veiga.
Foi un momento máxico, e ,que queres, púxonos a todos a pel de galiña.



Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-04-2007 20:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Me hubiera encantado que fuerais los primeros,,,pero el viento es naturaleza viva...no s#blgtk08#iempre sopla a nuestro favor.
No te quejes marinero...ha sido demasié....hurra...
Comentario por Maria José (21-04-2007 10:45)
2 Esta mª José es la que yo cononozco...
pos está jodida por menos de 70 eurillos.#blgtk08#r /> ¡que bueno estaba el buey!
AHHHHHHHHHHHHHHH
Aun me duran los suspiros
Comentario por Victoria Díaz (10-05-2007 22:35)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal